Uso de cookies en las páginas web del Ayuntamiento de A Coruña

En las páginas web municipales utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o conocer como cambiar la configuración, en nuestra página de "Normas de uso".

Ayuntamiento de A Coruña

  • Compartir
  • Añadir a mi móvil | 
  • Imprimir

Cuándo:

14 de marzo de 2019

O Goberno local dá a coñecer o acordo da mediación sobre o antigo edificio de Fenosa e presenta o protocolo de boas prácticas urbanísticas que pauta iniciar unha investigación para aclarar as responsabilidades na tramitación da licenza

O edil Xiao Varela deu cumprimento á lectura dos compromisos acadados e explicou que a Concellería de Rexeneración Urbana iniciou as dilixencias previas para a esixencia de responsabilidades que se efectuará cando se aboe a indemnización

O Goberno local deu a coñecer esta mañá o acordo para a homologación do cumprimento da sentenza do edificio Conde de Fenosa, tal e como quedou estipulado no documento que saíu do proceso de mediación, unha vez que o acordo foi validado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e foi comunicada esta semana a firmeza do mesmo, ao non terse presentado ningún recurso. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, cumpriu así coa lectura e a publicidade dos diferentes compromisos que recolle o acordo e entre os que se conta a elaboración dun protocolo de boas prácticas urbanísticas no municipio que foi presentado polo edil. Varela explicou que, en cumprimento desta guía de actuación, o Goberno local vén de iniciar as dilixencias informativas previas para a esixencia de responsabilidades da concesión hai dúas décadas daquela licenza de rehabilitación contraria á legalidade. "O procedemento terá como obxectivo a identificación do persoal funcionario e autoridades que teñan participado en cada unha das fases do procedemento e as actuacións atribuíbles a cada un deles", explicou na rolda de prensa Varela, que puntualizou que o expediente para a reclamación de responsabilidades se fará público unha vez o Goberno local aboe a indemnización que se deriva do acordo.

Varela explicou que o protocolo de boas prácticas, que será publicado no Boletín Oficial da Provincia nos vindeiros días, será asumido polo Concello como unha instrución e contén medidas orientadas á protección de terceiras persoas, para a mellora dos servizos e ao acerto das decisións administrativas, así como un apartado específico da asunción de responsabilidades. "O protocolo ten a intención de que o que aconteceu co Conde de Fenosa non se volva repetir nesta cidade. Niso levamos inmersos estes catro anos, tentando poñer en orde o urbanismo que encontramos absolutamente descontrolado e o protocolo vai ser unha ferramenta que vai a blindar que goberno futuros non podan repetir o que sucedeu co Conde de Fenosa ou outras moitas actuacións urbanísticas que vemos hoxe na prensa", afirmou. A Concellería de Rexeneración Urbana traballa tamén para poñer a disposición do público o expediente do edificio, que consta de máis de 12.000 páxinas que están a ser dixitalizadas e preparadas para cumprir coa normativa vixente de protección de datos.

O concelleiro lembrou que este acordo acadado entre as partes a través dun proceso de mediación intraxudicial validado polo alto tribunal galego supón o cumprimento da sentenza a través da substitución da execución in natura que obrigaba ao derrubo do edificio da sentenza, o que permite o mantemento do inmoble; de producirse a demolición, esta suporía un grave prexuízo tanto para as arcas municipais, estimado nuns 60 millóns de euros, como para o conxunto da cidadanía da Coruña.

Varela deu conta de todos os compromisos aos que chegou o Goberno local para evitar esta situación de prexuízo ás arcas públicas e que inclúen a incoación da modificación dunha modificación do planeamento urbanístico para incluír o antigo inmoble Conde de Fenosa como edificio singular, un proceso que está en fase de estudo nos servizos municipais. O departamento xa ten redactadas e foron presentadas á comunidade de persoas propietarias, como apuntou Varela, as bases para a compensación de prexuízos ás mesmas, "ás que poderán adscribirse individualmente co compromiso de renuncia de futuras accións". O acordo inclúe tamén a "indemnización dos danos persoais de índole moral causados á parte recorrente, que inclúe a renuncia á realizar máis accións" de 2.975.000 euros e "que están contidos no modificativo aprobado en Pleno o pasado luns". O edil indicou neste punto que, como recolle o mediador no acordo, "houbo unha grande disparidade de criterios entre as partes, na que, loxicamente, o Concello defendía unha indemnización moito menor, e foi o propio mediador o que equilibrou as posturas e convidou ás dúas partes a ceder nas súas posicións". Varela actualizou tamén a situación doutro dos compromisos do acordo, o de construción dun edificio de vivendas por parte do Concello no Ofimático que incrementará o parque municipal de vivenda e que se realiza a proposta da parte recorrente, que renuncia a unha indemnización económica superior. O inmoble, que terá entre 50 e 60 vivendas, será edificado na parcela Z-37 do sector S-10 Parque Ofimático, propiedade do Concello da Coruña, que na actualidade ten a condición de solar, unha vez que xa se executaron as obras de urbanización. Varela indicou que as bases para a a contratación do proxecto están moi avanzadas e que a licitación da obra farase a través dun concurso público en procedemento aberto, "no que as ofertantes terán que acreditar solvencia técnica en actuacións de vivenda semellantes". O orzamento para a súa construción é de seis millóns de euros, sen IVE nin gastos xerais.

Recoñecementos públicos

O acordo estipula tamén que o Goberno local debe realizar dous recoñecementos públicos, tanto á parte recorrente como á comunidade de persoas propietarias. Así, Varela manifestou, en relación ás persoas propietarias do antigo edificio de Fenosa "foron vítimas directas e grandes prexudicadas polas consecuencias das ilegalidades recoñecidas pola sentenza, ditada no procedemento ordinario número 6937/1997, que anulou a licenza de obras de rehabilitación de dito edificio". Neste sentido, o Concello da Coruña, dixo "é consciente de que as persoas  propietarias séntense e considéranse vítimas dun sistema xurídico que, en lugar de amparar e protexer os seus xustos e lexítimos dereitos, derivados en moitos casos da súa condición de terceiros adquirentes de boa fe, permite que estean sufrindo as graves consecuencias derivadas do outorgamento por parte do Concello da Coruña dunha licenza de obras ao promotor, logo declarada polos Tribunais de Xustiza como non axustada ou conforme a Dereito". Así mesmo, Varela indicou que as persoas propietarias "consideran que a Sentenza estimou as pretensións exercitadas pola recorrente no uso lexítimo dos seus dereitos e que a súa execución in natura resultaría dramática para eles, ao deixar a moitas familias sen vivenda e sen traballo e, igualmente, podería acarrear prexuízos irreparables para o interese xeral".

No referido á parte recorrente, o edil indicou que as persoas representantes do Concello da Coruña "puideron constatar ao longo da mediación a incidencia que supuxo na vida persoal e familiar da parte recorrente --tanto de dona Margarita Blázquez como do seu esposo don Valentín Souto-- o mantemento do procedemento xudicial fronte ao Concello da Coruña durante máis de vinte e un anos, pola súa transcendencia pública, duración, gran cantidade de terceiros afectados, complexidade xurídica e técnica, etcétera". Así mesmo, Varela afirmou que "o Concello da Coruña recoñece a incidencia que puido ter na traxectoria profesional de don Valentín Souto, esposo da recorrente e arquitecto con despacho profesional na cidade da Coruña, soster a defensa da legalidade urbanística ao interpoñer o recurso contencioso-administrativo, así como nos sucesivos trámites de oposición aos infrutuosos intentos de legalización do antigo edificio de Fenosa por parte do Concello da Coruña". "En consecuencia, o Concello da Coruña comprométese a levar a cabo un recoñecemento público manifestando expresamente que dita corporación municipal foi a responsable da ilegalidade urbanística que afectou á situación xurídica do antigo edificio de Fenosa, conforme quedou referendado por diversos pronunciamentos xudiciais", continuou. O concelleiro apunto que, así mesmo, "o Concello da Coruña obrígase a recoñecer publicamente que a parte recorrente, dona Margarita Blázquez e o seu esposo don Valentín Souto, veu actuando en defensa da legalidade e dos intereses xerais e que se lle causou unha serie de danos e prexuízos que merecen ser resarcidos por unha actuación que, en palabras do Tribunal Supremo, "dista moito dos ditados da boa fe" (Sentenza de 8 de xullo de 2014 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 5ª)".

Documentos:

Protocolo-boas-practicas-urbanisticas.pdf (3 MB)

Buscar más noticias

Webs municipales

Encuentre todas las webs y perfiles oficiales del Ayuntamiento de A Coruña.

  • Ayuntamiento de A Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Plaza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 o desde dentro del término municipal al teléfono de atención 010
¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari y Microsoft Internet Explorer 10 o superior. Instalar ahora un navegador compatible

?