Uso de cookies en las páginas web del Ayuntamiento de A Coruña

En las páginas web municipales utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o conocer como cambiar la configuración, en nuestra página de "Normas de uso".

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

6 de noviembre de 2018

O alcalde insta ao presidente da Xunta, tras os acordos acadados entre Concello e ADIF, a que o goberno autonómico “amose compromisos firmes co proxecto da Intermodal da Coruña”

Ferreiro manifestou a súa intención de abordar o tema persoalmente con Núñez Feijóo, unha vez a administración autonómica poña data para a xuntanza solicitada polo goberno local

O alcalde, Xulio Ferreiro, manifestou esta mañá a necesidade de que a Xunta de Galicia amose compromisos firmes e concretos co proxecto da Intermodal. Así se expresou logo de que no día de onte tanto Concello como ADIF (o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) acordasen ter listos contra principios de ano os proxectos tanto da execución da rehabilitación da estación de ferrocarril como os relativos aos accesos. "Aínda que o entendemento entre goberno local e estatal sobre este tema é unha boa noticia, o que queriamos onte era precisar prazos e accións por parte de cada unha das administracións implicadas e non puido ser. Lamento dicilo, pero onte en Madrid non lle vin á Xunta de Galicia moito interese por tirar do carro da Intermodal", comentou Ferreiro. "A realidade é que, durante a reunión, a delegación autonómica non quixo falar de aportacións nin dar prazos para a execución do novo proxecto que lles corresponde para a estación de autobuses", dixo, á vez que manifestou a súa intención de abordar esta cuestión persoalmente co propio presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, unha vez o executivo autonómico poña data á reunión solicitada hai varias semanas polo concello coruñés.

En declaracións aos medios, o primeiro edil evidenciou que a Xunta de Galicia deixou este luns sen responder distintas preguntas sobre o traballo que debe desenvolver para sacar adiante unha infraestrutura clave para a cidade e a área metropolitana. "Durante a reunión preguntei se o novo proxecto da estación de autobuses se ía sacar con cargo á partida orzamentaria deste ano e non obtiven resposta, aínda que a realidade parece ser que se sacará coa do ano que vén", observou Ferreiro. "Cómpre indicar que, non obstante, foi a primeira vez que se nos deu información de por que a Xunta non ten xa licitado o novo proxecto, e a explicación que se nos ofreceu non coincide coa escoitada nas últimas semanas. Se ben sempre se manifestou que non se fixera porque estaban a 'esperar' polo Concello, onte se nos dixo que o problema radicaba na rescisión do anterior contrato que tivo que afrontar a Xunta, un proceso que segundo recoñeceron lles resultou moi complicado debido a que a adxudicataria se atopaba en concurso de acredores", fixo notar.

Previsión orzamentaria

Por outro lado, a respecto da afirmación por parte da Xunta --recollida nunha nota de prensa enviada onte á tarde-- de que usará fondos propios para o financiamento da Intermodal, Ferreiro insistiu na necesidade de que esta manifestación se traduza nun compromiso formal. "É necesario dar pasos claros. Levamos moito tempo dicindo que até o 31 de decembro de 2023 se poden empregar as partidas europeas para as estacións intermodais. Non obstante, se o goberno galego insiste en usar fondos propios, o que ten que facer é evidencialo cos orzamentos e, novamente, o que observamos é que o proxecto presupostario da Xunta non fai ningunha previsión plurianual para a Intermodal coruñesa, algo que é preocupante", manifestou.

Ao fío, o responsable municipal tamén chamou a atención sobre as previsións autonómicas en relación aos investimentos do resto de administracións. "Entre o que está solicitando a Xunta e o traballo para realizar os accesos para ADIF, estamos a falar de investimentos que superan os 10 millóns de euros. Xa onte manifestei ao respecto que a distribución de cargas me parece pouco equitativa", apuntou, recordando que o resto de administracións locais galegas implicadas en proxectos de Intermodal teñen que afrontar partidas moito menores.

"En todo caso, agora o que temos que avaliar, tanto ADIF como o Concello, en relación ao inicio das obras, é se esperamos a que a Xunta remate todo o seu proceso ou hai algunha posibilidade de avanzar máis rápido", avanzou Ferreiro, á vez que recordou o acordo ao que o executivo autonómico chegou para que o proxecto global da Intermodal de Ourense se tramitase en base á lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

Pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, declarou nesta xornada que o proxecto da Intermodal "podería iniciarse xa o ano que vén se fose polo Concello e ADIF". "Non entendemos que na xuntanza de onte a conselleira apenas fale e logo diga que si teñen compromisos... É necesario que falen de prazos e da forma en que van tramitar. Unha das propostas, por exemplo, que lles fixemos onte e que non responderon foi que se replicase o caso de Pontevedra, onde licitaron o proxecto en tres meses e o proxecto básico se comprometeu noutros catro. Con ese proxecto en marcha e o noso dos accesos estariamos en condicións de iniciar a tramitación urbanística necesaria, pero, lamentablemente, a Xunta tampouco tivo a ben contestar onte", reflexionou.

Buscar más noticias

Webs municipales

Encuentre todas las webs y perfiles oficiales del Ayuntamiento de A Coruña.

  • Ayuntamiento de A Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Plaza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 o desde dentro del término municipal al teléfono de atención 010
¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari y Microsoft Internet Explorer 10 o superior. Instalar ahora un navegador compatible

?